RDG habilitará a comezos da próxima semana unha páxina web para tramitar as rebaixas na factura eléctrica previstas dentro do programa de vantaxes sociais Mondigo Beneficia
Santiago, 20 de febreiro de 2026.
Recursos de Galicia (RDG) abre a propiedade do seu primeiro parque eólico aos concellos nos que este se ubica, Ribadeo e Trabada, así como ao veciño Barreiros, polo que discorre a liña de evacuación das instalacións. Este ofrecemento trasladóullelo este mediodía o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, aos alcaldes das tres localidades, cos que se reuniu, acompañado da conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, na capital da comarca lucense da Mariña Oriental.
No seu conxunto, os concellos poderán incorporar ata un 10 % do accionariado da sociedade do parque de Mondigo, que RDG vén de adquirir a Sinia Renovables.
A construción do recinto, que a finais de 2025 comezou a producir electricidade, concluíu no segundo semestre do ano pasado. Consta de 11 aeroxeradores que totalizan 49,5 MW de potencia instalada. Está previsto que xere anualmente uns 131 GWh.
O encontro de hoxe en Ribadeo foi convocado para escoitar ao alcalde anfitrión, Daniel Vega, e os de Trabada, Rubén García, e Barreiros, Ana Belén Ermida. Tamén para explicarlles detalladamente que RDG aplicará na zona a súa política de reversión do beneficio no territorio e nas persoas. Así, os veciños —os que residan nun radio de ata 1,8 quilómetros do parque— gozarán de bonificacións do 80 % do custo da electricidade no recibo da luz. Esta é unha das accións previstas dentro do programa de vantaxes Mondigo Beneficia, que tamén velará pola estabilización e competitividade dos custos enerxéticos das empresas.
A vindeira semana, as persoas residentes na área de influencia do recinto recibirán unha carta explicativa do mecanismo de acceso aos descontos. En paralelo, comezará a funcionar unha web (rdgmondigo.gal) para que os veciños poidan tramitar as solicitudes de rebaixa na súa factura. Grazas a este investimento realizado en Mondigo, nun escenario de bloqueo xudicial do sector, RDG pode sumar ao seu patrimonio un parque eólico moderno e plenamente operativo; facéndose así coa metade da renovable instalada en Galicia o ano pasado. A propiedade do activo, á que tamén aspiraba capital foráneo, quedou na comunidade autónoma e agora ábrese ao interese local.
Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: «Os nosos recursos, ao noso servizo».
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición fortalece a empresa, ao tempo que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.
Este accionariado está composto por Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra SPV de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra SPV de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha SPV de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.
