RDG activa un servizo de atención á veciñanza de Mondigo para tramitar os descontos na factura da luz

Marzo 25, 2026
  • O conselleiro delegado de Recursos de Galicia visita acompañado dos alcaldes fogares beneficiados polas bonificacións enerxéticas do parque eólico de Ribadeo, Trabada e Barreiros

Emilio Bruquetas, conselleiro delegado de Recursos de Galicia, visitou esta mañá varios núcleos dos concellos de Barreiros, Trabada e Ribadeo, dentro da zona de influencia de Mondigo Beneficia. Logo da compra do parque eólico de Mondigo por parte de Recursos
de Galicia e do lanzamento do programa de bonificacións da factura eléctrica á veciñanza na contorna da instalación, este encontro enmárcase na política da compañía de transparencia e proximidade.

“Estamos poñendo en marcha os beneficios da nova política eólica de Galicia, Mondigo debe ser o paradigma desta nova maneira de facer as cousas e hoxe quixemos estar sobre o terreo, da man dos alcaldes para dar información sobre a tramitación das bonificacións
e do servizo de atención que poñeremos en marcha dende a vindeira semana”.

Bruquetas estivo acompañado de Ana Belén Ermida, alcaldesa de Barreiros; Rubén García, alcalde de Trabada; e Daniel Vega, alcalde de Ribadeo, visitando algúns núcleos dentro do perímetro de bonificación, falando coa xente, informando e vendo cales son as necesidades para acompañalos neste proceso. “Somos conscientes de que as administracións locais son as que están máis pegadas á cidadanía e a primeira porta á que se peta case sempre e queremos agradecer a súa colaboración e seguir percorrendo estecamiño xuntos” indicou o conselleiro delegado de Recursos de Galicia.

Nos últimos días os rexedores da área de Mondigo Beneficia tiveron trasladado propostas adicionais defendendo que as vantaxas chegaran a un perímetro maior que o acordado
inicialmente. Varias delas foron aceptadas tratando de conciliar a imprescindible viabilidade económica da instalación coa vontade de que non quedasen núcleos de poboación con algúns fogares beneficiados e outros non.

Dende este luns 23 xa está habilitada a web rdgmondigo.gal na que se pode solicitar o desconto na factura a través dun formulario moi sinxelo e comprobar o plano de influencia de Mondigo Beneficia.

Nesta xornada coordinouse cos alcaldes un calendario de atención á cidadanía en dependencias municipais.

Dende o luns 30 de marzo persoal de RDG atenderá ás persoas que precisen asesoramente, unha mañá en cada un dos concellos. Nas vindeiras semanas esta atención irase axustando en función do fluxo da demanda e as necesidades que se detecten.

Emilio Bruquetas explica que “a nova política eólica que estamos desenvolvendo con Mondigo tradúcese en beneficios concretos: descontos directos na factura eléctrica para a veciñanza dos parques; a apertura da propiedade dos parques á súa participación directa e o noso compromiso de que o 100 % da enerxía producida en Galicia repercute en Galicia”.