Este sábado Luís Ojea entrevistou no “Galicia por diante fin de semana”, da Radio Galega, ao noso conselleiro delegado. Emilio Bruquetas expuxo como Recursos de Galicia naceu “para transformar a nosa riqueza natural en riqueza social, para poñer o noso vento, a nosa auga, o noso sol e a nosa terra ao servizo dunha Galicia verde e competitiva”. “Estamos a ver que esa idea, que os nosos recursos estean ao noso servizo, é compartida por unha ampla maioría da sociedade galega”, engadiu.
Bruquetas explicou os primeiros pasos que está a dar RDG co obxectivo de abaratar a enerxía aos galegos, descarbonizar a economía e incrementar a nosa autonomía enerxética, entre outros propósitos. Tamén lembrou que menos do 25 % da enerxía primaria que se consume en Galicia provén de fontes renovables, polo que precisamos desenvolver novos proxectos que contribúan a deixar atrás tecnoloxías do pasado.
Ademais, destacou o carácter inclusivo de RDG e a transversalidade do seu capital. Porque nel estamos representados por unha banda tódolos galegos a través da Xunta de Galicia, que é o principal accionista da sociedade e o garante da preservación do interese público, e por outra banda, particularmente as 32 empresas que conforman actualmente a parte privada. “Canto máis amplo sexa o noso accionariado -dixo- máis representativo será da sociedade galega”.
Podes escoitar toda a entrevista neste enlace.