Os usuarios do programa Mondigo Beneficia terán varios meses de luz gratis

Outubro 13, 2026

Os usuarios do programa Mondigo Beneficia terán varios meses de luz gratis. Isto é o resultado dunha decisión de RDG que optou por aplicar os dereitos acumulados durante o período transitorio, do 1 de abril a 30 de setembro, ao consumo enerxético nas primeiras facturas.

Nas últimas horas os fogares beneficiarios do programa recibiron un correo electrónico personalizado cos datos concretos do seu límite anual bonificable (o 80 % do seu consumo no ano anterior á solicitude).

O programa de descontos impulsado por Recursos de Galicia (RDG) busca que as vantaxes da produción do parque repercutan na veciñanza desta área de influencia establecendeo unha bonificación do 80 % sobre o consumo eléctrico das persoas adheridas. Este límite anual calcúlase individualizado en función do seu historial de consumo.

Para determinar a cantidade máxima de enerxía que pode beneficiarse do desconto, o programa toma como referencia o consumo eléctrico rexistrado nos 365 días anteriores á solicitude de adhesión, un dato que se obtén do  Sistema de Información de Puntos de Subministración (SIPS), unha base de datos oficial da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).

O límite anual bonificable (LAB) de cada fogar é o 80 % dese consumo de referencia. Esta cantidade establece o máximo de kWh que poden beneficiarse do desconto en cada ciclo anual.

Período transitorio

A posta en marcha do programa requiriu un período de tramitación entre a apertura das adhesións e a aplicación efectiva das bonificacións nas facturas eléctricas. Para garantir a igualdade de condicións entre as persoas beneficiarias, RDG establece un período transitorio común comprendido entre o 1 de abril e o 30 de setembro de 2026.

Durante este semestre, as persoas adheridas acumularon dereitos de desconto que se aplicarán posteriormente nas súas facturas. A cantidade acumulada corresponde á metade do seu límite anual bonificable, ao tratarse dun período de seis meses.

Unha vez activada a posibilidade de contratar con algunha comercializadora que pode aplicar os descontos, as persoas beneficiarias poderán utilizar os dereitos acumulados durante o período transitorio. Mentres dispoñan desta cantidade, a bonificación cubrirá o 100 % do custo da enerxía consumida, ata esgotar os kWh acumulados.

Isto significa que non terán que pagar pola enerxía consumida cuberta por estes dereitos, aínda que deberán seguir asumindo os conceptos da factura que non se poden bonificar, como as peaxes, os impostos e outros cargos regulados.

Unha vez esgotada a bolsa de enerxía acumulada, aplicarase a bonificación ordinaria do 80 % sobre o consumo eléctrico, sempre dentro do límite anual bonificable correspondente a cada persoa beneficiaria.

Este mecanismo manterase durante toda a vida útil do parque eólico de Mondigo. O 1 de abril de cada ano renovarase o cómputo dos dereitos de desconto, tomando como referencia o límite anual bonificable establecido para cada familia adherida.

Durante a tramitación recibíronse 486 por tódalas vías, das cales 42 estaban duplicadas. Das 444 válidas, 347 xa foron aceptadas e outras 14 están pendentes dalgún trámite para a súa acreditación: faltan facturas dos últimos meses por adxuntar, non se especificou o código universal de punto de subministración (CUPS), as vivendas non poden ser xeolocalizadas… As solicitudes restantes (83) foron denegadas inicialmente por corresponderse con fogares situados fóra da área de influencia do parque ou ben por ter sido tramitadas non por particulares, senón por empresas, que gozarán dos seus propios produtos.

As persoas do entorno que teñan algunha consulta poden comunicar con RDG, ben a través do teléfono 604 012 723 (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas) ou escribindo ao correo ola@rdgmondigo.gal. 

Máis de 200 familias xa teñen formalizado contrato con Máis Enerxía

Máis de 200 familias xa teñen formalizado o seu contrato para beneficiarse do seu desconto na factura da luz. A comercializadora independente Máis Enerxía, a primeira en aceptar sumarse a este proxecto de RDG para abaratar o recibo da luz, está realizando nestes semanas a comunicación coas  persoas beneficiarias do programa Mondigo Beneficia.

Outras comercializadoras teñen solicitado información sobre este programa e a posibilidade de asinar o convenio con RDG para poder ofertar tamén este desconto na zona.

↑