RDG traballa para facer tanxibles os beneficios para a cidadanía

Decembro 2, 2025

«Traballamos en Galicia, estudando Galicia e para Galicia. […] Nacemos para converter a riqueza natural de Galicia en riqueza social». Así o salientou esta mañá o noso conselleiro delegado no segundo Foro Empresarial Galicia, organizado por El Economista en Santiago. Emilio Bruquetas explicou tamén o modelo pioneiro de compañía que representa RDG, onde conflúe o mellor da esfera pública e do ámbito privado.

O noso conselleiro delegado defendeu a necesidade de «facer que os beneficios sexan tanxibles» para a cidadanía, en alusión aos ingresos derivados da posta en valor sostible dos recursos naturais de Galicia. «Temos que ir un paso máis alá —exemplificou— de se paguei estes impostos locais ou outros, este ICIO ou aquel IAE». Avanzou igualmente que RDG está a auditar polígonos e portos, e a deseñar mecanismos para que empresas medianas e pequenas —non só as grandes— poidan acceder a enerxía competitiva e estable a longo prazo.

«Coñecemos moitos proxectos industriais que queren asentarse en Galicia e non o están podendo facer por problemas na rede eléctrica», lamentou Bruquetas, quen contrapuxo esa situación co feito de que «o Goberno galego está facendo os deberes desde o punto de vista da planificación» enerxética. Instou tamén a «traballar no ámbito da demanda» para estimular realmente a descarbonización da economía.

Moderado polo director adxunto de elEconomista, Rubén Esteller, o noso conselleiro delegado compartiu mesa de debate coa CEO de Xeal, María Couto; o presidente de Ecogalia, Víctor Toca; o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva; Joaquín García-Boto, project development manager de EDP; e Borja Carvajal, socio de Gómez-Acebo & Pombo.

Na súa análise do atasco xudicial dos proxectos eólicos na comunidade, lamentou que este está a dilatar e encarecer investimentos no territorio, ao tempo que defendeu: «As tramitacións faise dunha maneira moi exhaustiva en Galicia e, ao final, os tribunais acabarán recoñecéndoo».