Recursos de Galicia prepara tarifas eléctricas estables e competitivas para as empresas

Maio 19, 2026

Recursos de Galicia (RDG) prepara tarifas eléctricas estables e competitivas para as empresas galegas, avanzando no seu obxectivo de que o seu investimento en proxectos que aproveiten os recursos naturais teña un retorno social. Mondigo, o parque eólico adquirido por RDG na Mariña Oriental, é o paradigma da nova eólica galega, que ten entre os seus eixos principais achegar beneficios sociais ás empresas, permitindo que
as pemes conten coas vantaxes das grandes compañías na contratación da enerxía.

RDG quere coñecer o consumo enerxético do ecosistema empresarial da zona de Mondigo para deseñar unha ferramenta adaptada ás súas necesidades e colaborar na mellora da súa competitividade. Con ese obxectivo, esta mañá o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, mantivo encontros co tecido produtivo dos concellos de Trabada, Ribadeo e Barreiros para coñecer e entender a súa realidade. Nestas reunións estivo acompañado dos seus alcaldes: Rubén García, Daniel Vega e Ana Belén Ermida.

A partir de aí farase unha recollida de datos nas próximas semanas para que o equipo de RDG poida avanzar no deseño dun instrumento que permita trasladar aos empresarios os beneficios de contar cun activo eólico na súa contorna, como xa se fai co consumo doméstico. Esta política de beneficios pensada para as empresas quérese estender ao resto do territorio, garantindo que o 100 % da enerxía producida en Galicia e xestionada por RDG repercuta na propia comunidade e permita que as industrias e empresas melloren a súa competitividade nos custos enerxéticos.

Despois da compra de Mondigo activáronse os dous primeiros piares da nova eólica galega: facilitar descontos directos na factura eléctrica para os veciños que vivan nun radio de 1,8 quilómetros do parque, a través do programa Mondigo Beneficia; e incorporar o interese local mediante o diálogo constante cos veciños e cos concellos. Ao mesmo tempo abreuse a posibilidade de que estes participen na propiedade do parque.

O parque eólico de Mondigo, comezou a produir electricidade a finais do ano pasado. Consta de 11 aeroxeradores que totalizan 49,5 MW de potencia instalada. Está previsto que xere anualmente uns 131 GWh.

Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de
Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: «Os nosos recursos, ao noso servizo».

Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición fortalece a empresa, ao tempo que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.

Este accionariado está composto por Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra SPV de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra SPV de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha SPV de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.