En Galicia contamos cun tecido produtivo “moi dinámico”, que exporta máis que a media, con vontade de mellora continua e “que fai as cousas ben”. A incrementar a súa competitividade contribuirá a auditoría enerxético-ambiental que Recursos de Galicia está a levar a cabo nos portos e polígonos industriais da comunidade autónoma. Así o explicou o noso conselleiro delegado nunha entrevista con Antía Díaz emitida por Radio Voz esta semana.
“Esta é unha ferramenta máis para axudar nesa mellora continua da economía de Galicia”, argumentou Emilio Bruquetas. “Esta auditoría -engadiu- ten o obxetivo de facer un diagnóstico, pero tamén de ofrecer solucións”.
Este macroestudo, expuxo Bruquetas, permitirá tamén incrementar, a través de solucións de autoconsumo, a seguridade da subministración eléctrica en dous espazos críticos da nosa economía. Trátase do maior proxecto de análise, caracterización e optimización enerxético-ambiental realizado ata o momento en Galicia. Os eixes deste traballo, que se desenvolverá durante 12 meses, son a combinación da innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a participación activa do tecido empresarial.
“Agora estamos a traballar, nas primeiras fases da plataforma tecnolóxica e na app de recollida de datos”, avanzou, para logo apostilar: “É un proxecto ambicioso, porque estamos a falar dunha comunidade autónoma, a nosa, que ten case tantos polígonos, tantos espazos industriais, como concellos”.
Podes escoitar aquí a entrevista:
