Recursos Minerais de Galicia traslada a súa sede fiscal a Beariz

Agosto 28, 2025
  • A promotora de Mina Doade abrirá unha oficina de traballo para os seus profesionais e que servirá de atención ao público
  • Cúmprese unha das medidas reflectidas no Estudo de Impacto Económico e Social do proxecto

Recursos Minerais de Galicia, S.A., promotora do proxecto de extracción de minerais de litio e feldespatos en Beariz (Ourense), traslada o seu domicilio fiscal a Galicia. Deste xeito, cúmprese unha das medidas recollidas no Estudo de Impacto Económico e Social do proxecto.

A apertura desta oficina supón o establecemento da sede fiscal do proxecto no municipio de Beariz, como primeiro paso para unha achega permanente de ingresos económicos ás arcas públicas da administración local de Beariz.

Ata o de agora, Recursos Minerais de Galicia, S.A. estaba domiciliada en Zaragoza e contaba con instalacións en Forcarei (Pontevedra). A partir de agora, contará cunha oficina de traballo e atención ao público na Avenida de Merelles, 20 (CP 32520), Beariz (Ourense).

En que estado está o proxecto?

Mina Doade completou o trámite de solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía e Industria o 17 de xaneiro de 2025. Desde ese momento, a solicitude de Recursos Minerais de Galicia, S.A. está a seguir os trámites administrativos segundo os prazos legais.

En marzo de 2025, a Comisión Europea seleccionou a Mina Doade no listado de Proxectos Estratéxicos segundo o Regulamento de Materias Primas Críticas da Unión Europea. Deste xeito, a UE subliñou que o proxecto é de interese público.

Que é Mina Doade?

É un proxecto mineiro que contempla a explotación dunha mina subterránea e a construción dunha planta de beneficio de minerais de litio para o sector das baterías e feldespatos para a industria cerámica en Doade-Beariz, provincia de Ourense (España). A rocha obxectivo desta mina é a pegmatita, rica en minerais de litio e feldespatos. Mina Doade é un proxecto impulsado por Recursos Minerais de Galicia, S.A., participada ao 90% polo Grupo SAMCA e ao 10% por Recursos de Galicia (RDG).

Sobre RDG

Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía estratéxica de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio recursos naturais-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, ao tempo que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é a principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.

Sobre Grupo SAMCA

O Grupo SAMCA é un grupo empresarial multisectorial español, cuxas actividades se centran nos sectores da minería, enerxías renovables, polímeros plásticos, fibras sintéticas, agroalimentario, promoción inmobiliaria, agroquímica e infraestruturas loxísticas. Desde a súa fundación en 1919, o Grupo SAMCA mantivo un accionariado privado e familiar e, grazas a unha constante reinversión dos fondos xerados, converteuse nun grupo empresarial financeiramente sólido, cunha facturación anual próxima aos 1.500 millóns de euros, xerando emprego directo a unhas 4.000 persoas en España, Portugal, Francia, Italia, Brasil, Colombia, Ecuador, México, Perú, Bulgaria, Islandia, Noruega e Chile.