Recursos de Galicia gaña músculo para a consecución dos seus obxectivos estratéxicos

Xuño 6, 2025
  • Amplía capital no marco do establecido no pacto de socios

Recursos de Galicia (RDG) incrementou o seu capital social desde 15 ata 43,5 millóns de euros. Trátase da primeira ampliación de achegas executada desde a posta en marcha da empresa, hai ano e medio. A operación obedece ao previsto no pacto de socios da compañía e lévase a cabo para que esta poida cumprir os seus obxectivos estratéxicos. Entre eles sobresaen cinco: contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética da comunidade, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade, e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas.

Esta ampliación de capital, á que sucederán outras, foi aprobrada polo consello de administración de RDG. No futuro próximo poderanse sumar novos socios aos 33 fundacionais e, máis adiante, calquera galego poderá investir directamente na empresa.

RDG é unha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista e o garante da preservación do interese público dentro das dinámicas de mercado. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.

Este accionariado privado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.