Recursos de Galicia e Grupo Samca alíanse para impulsar Mina Doade

Xullo 28, 2025
  • RDG entra no capital social da empresa promotora do proxecto estratéxico de extracción de litio en Beariz
  • Emilio Bruquetas: “Con esta alianza situamos a Galicia en condicións de avanzar en autonomía estratéxica”
  • José Manuel Saldaña: “Este acordo permitirá profundar no noso interese polo aproveitamento das materias primas de Galicia”

Recursos Minerais de Galicia, S.A. (promotora de Mina Doade) incorpora a Recursos de Galicia (RDG) ao seu capital social. Esta operación permitirá́ á empresa avanzar no seu proxecto de minería subterránea de extracción de minerais de litio e feldespatos en Beariz (Ourense), declarado estratéxico pola Unión Europea.

RDG incorpórase ao consello de administración de Recursos Minerais de Galicia, S.A. Achega 750.000 euros mediante unha ampliación de capital do 10 %, que quedará establecido en 7.500.000 euros. O 90 % restante permanece en Grupo Samca.

“Con esta alianza -valora o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas- situamos a Galicia en condicións de avanzar en autonomía estratéxica”. E agrega: “Atopamos en Grupo Samca un socio que entende e comparte a nosa visión sobre os recursos naturais, a súa posta en valor sostible e a necesaria reversión no territorio dos beneficios inherentes a ela”.

“Neste momento Europa é deficitaria en recursos minerais críticos e ten unha dependencia case total deste tipo de materiais. Na medida en que se poidan poñer en valor proxectos estratéxicos no noso territorio, como é o caso, incrementamos a nosa autonomía. Galicia convértese en xestora de recursos moi valiosos para a transición verde e o futuro industrial”, apostila Bruquetas.

Coa incorporación de RDG, a promotora de Mina Doade suma un investidor comprometido co proxecto e a estratexia da empresa mineira. Segundo José Manuel Saldaña, conselleiro de Grupo Samca, “compartimos a visión de que os recursos minerais dun territorio deben crear prosperidade na súa contorna. Os nosos proxectos mineiros, desde hai máis de 100 anos, xeran valor compartido e impacto social nos lugares nos que desenvolvemos a nosa actividade”.

“Este acordo permitirá a Grupo Samca profundar no seu interese polo aproveitamento das materias primas de Galicia, que están chamadas a converterse nun piar básico da seguridade económica da Unión Europea”, engade José Manuel Saldaña.

En que estado está o proxecto?

Mina Doade completou o trámite de solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía e Industria o 17 de xaneiro de 2025. Desde ese momento, a solicitude de Recursos Minerais de Galicia, S.A. está a seguir os trámites administrativos segundo os prazos legais.  Desde o pasado 18 de xullo, o proxecto está en fase de exposición pública.

En marzo de 2025, a Comisión Europea seleccionou a Mina Doade na listaxe de Proxectos Estratéxicos segundo o Regulamento de Materias Primas Críticas da Unión Europea. Desta maneira a UE subliñou que o proxecto é de interese público.

Que é Mina Doade?

É un proxecto mineiro que contempla a explotación dunha mina subterránea e a construción dunha planta de beneficio de minerais de litio para o sector das baterías e feldespatos para a industria cerámica en Doade-Beariz. A roca obxectivo desta mina é a pegmatita, rica en minerais de litio e feldespatos.

Sobre Recursos de Galicia

Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.

Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.

Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.

Sobre Grupo Samca

O Grupo Samca é un grupo empresarial multisectorial español, cuxas actividades se centran nos sectores de minería, enerxías renovables, polímeros plásticos, fibras sintéticas, agroalimentaria, promoción inmobiliaria, agroquímica e infraestruturas loxísticas. Desde a súa fundación en 1919, o Grupo Samca mantivo un accionariado privado e familiar e, grazas a unha constante reinversión dos fondos xerados, converteuse nun grupo empresarial financeiramente sólido, cunha facturación anual próxima aos 1.500 millóns de euros, xerando emprego directo a 4.000 persoas aproximadamente en España, Portugal, Francia, Italia, Brasil, Colombia, Ecuador, México e Perú.