- Contrata a Ghenova Ingeniería Group un estudo que permitirá incrementar a seguridade da subministración nos polígonos e portos galegos, descarbonizar a economía e reforzar a súa competitividade
Recursos de Galicia (RDG) vén de adxudicar a Ghenova Ingeniería Group unha auditoría destinada a deseñar a transición nos parques industriais e portos galegos. Nun momento especialmente sensible, este macroestudo permitirá incrementar, a través de solucións de autoconsumo, a seguridade da subministración eléctrica en dous espazos críticos da nosa economía. Trátase do maior proxecto de análise, caracterización e optimización enerxético-ambiental realizado ata o momento na comunidade autónoma. Os eixes deste traballo, que se desenvolverá durante os próximos 12 meses, son a combinación da innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a participación activa do tecido empresarial.
A auditoría actívase coa ambición de abarcar tódolos polígonos e portos de Galicia, cunha previsión inicial de 315 instalacións. Este estudo é a continuidade natural do protocolo de colaboración que a Consellería de Economía e Industria, a Consellería do Mar e RDG asinaron o 19 de setembro de 2024 en Cambados (Pontevedra) para “o desenvolvemento de actuacións que permitan reducir os custos enerxéticos das empresas implantadas nos polígonos industriais e nos portos da comunidade […] co fin de fomentar que o aproveitamento das enerxías renovables e o fomento da eficiencia enerxética permita gañar competitividade ás empresas”.
O proxecto contempla a análise pormenorizada dos recursos renovables dispoñibles e o uso de fontes eficientes en Galicia, para o que se avaliará o potencial solar, eólico terrestre e mariño, de biomasa, biogás, hidróxeno e aerotermia. Grazas a tecnoloxías de modelización avanzada, identificaranse as mellores oportunidades de autoconsumo enerxético para cada polígono e porto, adaptadas ás características específicas de cada localización.
Para esta análise combinarase a explotación de bases de datos existentes cunha procura activa de colaboración con entidades públicas e privadas —autoridades portuarias, xestores de polígonos e empresas— para recompilar información actualizada dos consumos enerxéticos. Esta metodoloxía e a toma en consideración dos datos recollidos permitirá un diagnóstico enerxético sólido e realista.
Un piar esencial do proxecto será a análise exhaustiva das infraestruturas enerxéticas existentes, incluíndo redes eléctricas, centros de transformación, subestacións e redes de gas e de distribución. Máis alá da análise, os traballos tamén terán unha traslación práctica, de xeito que identificarán superficies dispoñibles para a instalación de solucións renovables, analizando ademais as restricións ambientais, técnicas e de planificación urbanística que poidan condicionar o desenvolvemento de novos proxectos.
A auditoría inclúe o despregamento dunha plataforma dixital e aplicacións específicas que facilitarán ás empresas e entidades situadas nos polígonos industriais e portos galegos colaborar activamente na subministración de datos relevantes. A través destas ferramentas, poderán achegar de forma sinxela e segura información sobre os seus consumos enerxéticos, complementada con traballos de campo para reforzar a calidade da información recompilada. Esta combinación permitirá caracterizar a demanda enerxética con maior realismo, asegurando que as solucións propostas se adapten fielmente ás necesidades detectadas.
Ademais, as empresas que participen nesta plataforma poderán consultar de maneira privada os resultados derivados da análise dos seus propios datos, identificando así oportunidades de mellora enerxética axustadas á súa actividade e ás súas circunstancias.
A iniciativa incluirá tamén a análise de mobilidade e flotas nos portos e polígonos. Avaliaranse os tipos de vehículos, os seus consumos e as posibilidades de electrificación e optimización loxística. Deste xeito disporase de información relevante para deseñar solucións para a transición cara a unha mobilidade máis sostible e eficiente.
Ademais de reforzar a seguridade da subministración eléctrica, a auditoría que realizará RDG ten como obxectivo principal a redución dos custos enerxéticos e a descarbonización das actividades industriais e portuarias, buscando ser unha ferramenta útil para o empresariado galego á vez que colabora activamente no avance cara a unha Galicia máis verde. Todas as accións estarán orientadas a propoñer solucións de autoconsumo renovable, a implantación de sistemas de almacenamento enerxético, melloras na eficiencia dos procesos industriais e a optimización da mobilidade, contribuíndo a reforzar a competitividade empresarial e a acadar os obxectivos europeos de sostibilidade.
Adicionalmente, como resultado das análises avanzadas que se levarán a cabo, estudarase a viabilidade de modelos colaborativos de xeración e aforro enerxético nos polígonos e portos de Galicia, como comunidades enerxéticas, alugueiro de espazos, investimento compartido ou certificación de aforros. Estas opcións permitirán ir cara a unha xestión máis sustentable e eficiente da enerxía e a colaboración territorial.
O núcleo tecnolóxico desta iniciativa será unha plataforma dixital avanzada, alimentada por datos masivos e modelada mediante técnicas de intelixencia artificial. Esta plataforma integrará todos os resultados das análises e será capaz de xerar automaticamente propostas de optimización enerxética adaptadas a cada situación concreta e ás necesidades de cada empresa.
Con esta iniciativa, Galicia aposta por un modelo baseado no coñecemento, na participación activa do seu tecido produtivo e na aplicación das tecnoloxías máis innovadoras para garantir un futuro enerxético máis sostible, seguro e competitivo.
Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. Cun 30 % do capital, a Xunta de Galicia é o principal accionista e o garante da preservación do interese público dentro das dinámicas de mercado. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.
Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; Ence Terra; ARP Global; Ain Active; Grupo Servicio Móvil; Wind1000; Cerámica Campo; Aceites Abril; Megaro Foods; e Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal.
Sobre Ghenova
Grupo Ghenova é un grupo empresarial español especializado en servizos de enxeñaría multidisciplinar, con presenza tanto a nivel nacional como internacional. Conta con delegacións en Galicia, concretamente en Ferrol e en Vigo.
De feito, na comunidade participa en proxectos en sectores como o naval e o enerxético, amosando un amplo coñecemento do sector. Conta con experiencia contrastada en auditorías enerxéticas e en proxectos de eficiencia, polo que presenta garantías para o desenvolvemento do estudo contratado por RDG.
