RDG negocia xa con operadores do sector a incorporación de enerxía á comercializadora que abaratará e descarbonizará o recibo da luz

Outubro 2, 2024
  • A compañía circunscribirá a Galicia o seu ámbito de actuación
  • Poderá empezar a prestar servizo o próximo ano

Novo paso no despregamento do plan estratéxico de Recursos de Galicia (RDG): constituirá unha comercializadora para abaratar e descarbonizar o recibo da luz. En liña co espírito da futura lei galega de recursos naturais, o ámbito de actuación desta sociedade circunscribirase á comunidade autónoma. A través de distintas fórmulas, RDG xa está a negociar con operadores do sector a incorporación á compañía de volúmenes de enerxía que permitan iniciar operacións en 2025.

Os trámites para a creación da futura comercializadora de RDG durarán catro meses, aproximadamente. En paralelo, ultimarase o plan de negocio. Aprobada polo consello de administración de Recursos de Galicia na súa última reunión e anunciada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o pasado domingo, esta decisión foi posta en valor hoxe, durante unha visita á sede da compañía cursada pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

A empresa nacerá como S. A., cun capital social de 60.000 euros, e denominarase RDG Comercializadora Galega de Enerxía. Priorizará a prestación de servizo a sectores estratéxicos da economía galega e aos veciños das infraestruturas de xeración da enerxía que venda. Estes últimos poderán beneficiarse de descontos do 50 % respecto do prezo medio de mercado.

“Esta comercializadora contribuirá a unha posta en valor máis xusta e sostible dos recursos naturais de Galicia, canalizando ese valor en beneficio do noso tecido socioeconómico, en particular, de cara ás comunidades locais. Continuamos avanzando para convertir a nosa riqueza natural en riqueza social. […] Apostamos por unha enerxía máis barata, máis verde e máis galega; máis nosa, en definitiva”, destacou o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas.

 

Sobre Recursos de Galicia

Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuíra descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.

Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. Cun 30 % do capital, a Xunta de Galicia é o principal accionista e o garante da preservación do interese público dentro das dinámicas de mercado. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do PIB da comunidade.

Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; Ence Terra; ARP Global; Ain Active; Grupo Servicio Móvil; Wind1000; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal.