Recursos de Galicia aplicará na instalación a súa política de reversión do beneficio no territorio e nas persoas, con bonificacións para os veciños do 80 % do custo eléctrico.
compra rubricou con Sinia Renovables, a filial 100% de Banco Sabadell encargada de investimentos en transición enerxética. Trátase dun proxecto de nova execución, que a finais de 2025 comezou a producir electricidade, situado entre Ribadeo e Trabada, concellos ambos da comarca lucense da Mariña Oriental. A área de Corporate Finance de Banco Sabadell asesorou a Sinia nesta operación.
A construción do parque concluíu no segundo semestre do ano pasado. Consta de 11 muíños que totalizan 49,5 MW de potencia instalada. Está previsto que anualmente xere uns 131 GWh.
A operación de compravenda pechouse por 75 millóns de euros. Grazas a este investimento, nun escenario de bloqueo xudicial do sector, RDG pode sumar ao seu patrimonio un parque eólico moderno e plenamente operativo; faise así coa metade da renovable instalada en Galicia o ano pasado. A propiedade do parque, á que tamén aspiraba capital foráneo, queda na comunidade autónoma.
O conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, valora: “O mercado brindounos unha oportunidade que nos vai a permitir avanzar no cumprimento do noso plan estratéxico para prover de electricidade competitiva aos galegos e estabilizar os custos para as nosas empresas, entre outros obxectivos”. “En Mondigo -avanza- aplicaremos a nosa política de reversión do beneficio no territorio e nas persoas”. Por exemplo, os veciños (quen resida nun radio ata 1,8 quilómetros do parque) gozarán no recibo da luz de bonificacións do 80 % do custo da electricidade. “Nos próximos días iremos comunicando directamente aos seus beneficiarios estas medidas”, conclúe.
“Co peche desta compravenda desde Sinia e o grupo Banco Sabadell pechamos a nosa etapa de máis de 15 anos no parque eólico Mondigo, reafirmando o noso compromiso co desenvolvemento sostible e, especialmente, co investimento en enerxías renovables, converténdonos en referentes para os nosos clientes. Culminamos este acordo con RDG como mostra e exemplo de que seguimos avanzando na nosa estratexia”, asegura Xavier Gásquez, managing director de Sinia Renovables de Banco Sabadell.
Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.
Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.
Sobre Sinia Renovables
Sinia Renovables é a división de investimento en enerxías renovables e sustentabilidade de Banco Sabadell, especializada en ofrecer capital e débeda alternativa en proxectos e sociedades do ámbito da transición enerxética. Camiñando cara aos 30 anos de experiencia, con máis de 60 investimentos realizados en preto de 3.500 MW, actúa como partner financeiro de pequenos e medianos promotores, acompañándoos en todas as fases do proxecto —desenvolvemento, construción e explotación— e achegando tanto financiamento como know how técnico e financeiro. O seu foco inclúe tecnoloxías como eólica, fotovoltaica, minihidráulica, biometano e autoconsumo industrial, cun modelo que combina o investimento directo, a coinversión e solucións híbridas.
