RDG e Xunta alíanse para impulsar o autoconsumo verde nos polígonos industriais e portos de Galicia

Setembro 19, 2024
  • A empresa firma coa Consellería de Economía e Industria e coa do Mar un protocolo de colaboración para levar a cabo a maior auditoría enerxético-ambiental na historia da comunidade autónoma
  • O acordo busca reducir, abaratar e descarbonizar os usos enerxéticos para avanzar en eficiencia, competitividade e sustentabilidade

Reducir, abaratar e descarbonizar os consumos enerxéticos nos polígonos industriais e nos portos da comunidade autónoma para avanzar en eficiencia, competitividade e sustentabilidade. Eses son os obxectivos principais dun acordo subscrito hoxe en Cambados por Recursos de Galicia (RDG), a Consellería de Economía e Industria, e a do Mar.

En virtude dese protocolo de colaboración, RDG e a Xunta de Galicia impulsarán a maior auditoría enerxético-ambiental na historia da comunidade. A empresa financiará e desenvolverá o estudo, mentres que a Administración proporcionará apoio, contrastará a información obtida e facilitará o acceso a datos. A este convenio marco poderán seguir outros específicos con entidades como Xestión do Solo de Galicia (Xestur), Portos de Galicia ou o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Pola vía negociada e previa publicación no Diario Oficial da Unión Europea, RDG concertará nas próximas semanas un estudo en profundidade sobre os recursos naturais dispoñibles nas contornas dos polígonos e os portos galegos, as infraestruturas enerxéticas existentes, as necesidades loxísticas, a demanda de potencia, o marco regulatorio actual e as oportunidades de obtención de axudas de acompañamento. En función da información obtida, propoñerá as mellores solucións de autoconsumo eficiente e verde, incluíndo a posibilidade de transformar frotas de transporte cara a opcións máis sostibles.

Os adxudicatarios serán escollidos nun proceso de selección que primará a incorporación ao proxecto das universidades de Galicia, os seus centros de investigación e o seu tecido empresarial. O traballo estruturarase en diferentes fases acumulativas de ata 12 meses de duración total.

Os datos recollidos facilitarán a elaboración de mapas e reportes detallados do potencial solar e eólico en cada lugar de interese. Os expertos tamén examinarán a infraestrutura de rede eléctrica, as subestacións e os puntos de interconexión, así como as lagoas do sistema. Ademais, con varios niveis de segmentación, xerarán coñecemento acerca dos tipos de empresas asentadas en cada zona, dos seus patróns de consumo enerxético e dos seus horarios de operación. Capítulo á parte merecerán as frotas de transporte, os seus roteiros e os seus requirimentos, para incorporar, no seu caso, vehículos eléctricos, estacións de carga e estratexias de redución de emisións.

Cos resultados da auditoría, os especialistas propoñerán e orzarán para cada polígono e porto, a nivel de investimento e custos de explotación e mantemento, plans singulares de instalación e operación de sistemas de autoconsumo verde.

A auditoría proporcionará unha visión integral e detallada sobre como implementar solucións enerxeticamente eficientes e cento por cento renovables nos portos e polígonos. Nos traballos hanse de empregar ferramentas avanzadas de simulación e optimización, apoiadas por intelixencia artificial, para asegurar a viabilidade e eficacia das solucións deseñadas.

O protocolo de colaboración asinárono este mediodía no porto cambadés de Tragove a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; e o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas. Este último sinalou: “Temos ante nós un dobre reto como sociedade: vencer a nosa dependencia de fontes de enerxía fósiles importadas e avanzar cara a unha reindustrialización sostible que nos permita, sobre unha base de enerxías limpas e competitivas, elevar ata o 20 % o peso da industria no noso PIB. Este acordo permitiranos progresar na dirección correcta, tamén neses dous ámbitos”.

Personificado en Lorenzana e Villares, Bruquetas agradeceu o “compromiso” da Xunta de Galicia “para acompañarnos neste camiño”. “Nacemos para construír xuntos e con audacia un futuro mellor, e iso estamos a facer”, valorou. “Estamos a falar -dixo- de eficiencia, competitividade e sustentabilidade. Tres valores aliñados coa estratexia ambiental de Galicia e da propia Unión Europea. Verbalizado doutra maneira, estamos a impulsar o autoconsumo verde. Ou, se queren, estamos a coidar do medio ambiente e, á mesma vez, do peto dos galegos e das galegas”.

Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.

Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. Cun 30 % do capital, a Xunta de Galicia é o principal accionista e o garante da preservación do interese público dentro das dinámicas de mercado. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do PIB da comunidade.

Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; Ence Terra; ARP Global; Ain Active; Grupo Servicio Móvil; Wind1000; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal.