RDG e Galenergy alíanse para desenvolver as enerxías limpas, impulsar o autoconsumo verde e abaratar a factura a familias e industrias

Maio 9, 2024
  • As dúas compañías pactan construír novas renovables e reservar un 15 % do accionariado das devanditas instalacións para a incorporación de concellos e outros socios locais
  • O acordo tamén inclúe a entrada de Recursos de Galicia nunha carteira de ata 187 MW de eólica que Galenergy xa ten autorizados ou ben se atopan en fase de tramitación avanzada

Recursos de Galicia (RDG) e Galenergy veñen de asinar un acordo marco de colaboración para desenvolver as enerxías limpas na comunidade autónoma, impulsar o autoconsumo verde e abaratar a factura eléctrica a familias e industrias. O pacto inclúe tanto instalacións xa autorizadas como de futura tramitación, e prevé a entrada nestas últimas de concellos e outros socios locais.

Co obxectivo de avanzar no camiño da descarbonización contribuíndo a maximizar o impacto positivo da mesma no territorio e as persoas, o memorando prevé que RDG e Galenergy concreten unha carteira de proxectos compartidos “o máis ampla posible”. Actualmente, entre outras infraestruturas, Galenergy promove nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra parques eólicos cunha potencia total de 187 MW. De ser o caso, as partes constituirán unha serie de sociedades vehículo para poñer en valor aqueles activos que resulten ser de interese compartido. As magnitudes desta operación están suxeitas a unha due diligence que se levará a cabo nos próximos meses. Nestas instalacións, RDG faríase con ao redor dun 20 % da propiedade e Galenergy conservaría o 80 % restante.

Adicionalmente, priorizando a Galicia interior, RDG e Galenergy planean deseñar e executar infraestruturas de xeración renovable de nova promoción. Nos accionariados destas, que poderán estar baseadas en tecnoloxías eólicas ou fotovoltaicas, Galenergy posuiría un 50 % e RDG un 35 %, mentres que o outro 15 % reservaríase para concellos e outros actores da contorna que desexen formar parte dos proxectos.

RDG e Galenergy, ademais, emprenderán estudos de viabilidade para implementar modelos escalables de autoconsumo verde no mercado doméstico, en industrias estratéxicas illadas e en polígonos empresariais. O obxectivo é que os veciños dos parques e as empresas poidan aforrar custos enerxéticos.

Este acordo, ao que haberán de seguir outros de desenvolvemento, foi subscrito por José Núñez García, presidente de Galenergy, e polo conselleiro delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas. A firma tivo lugar no mesmo lugar onde a finais de 2023 foi constituída RDG: o Museo do Pobo Galego.

“Quixemos volver a este marco porque aquí custódianse 15.000 pezas que son reflexo de como os galegos fixemos e facemos as cousas. Son na súa maioría obxectos da vida cotiá que a nosa sociedade creou e empregou para satisfacer as súas necesidades prácticas e espirituais. Por iso viñemos hai uns meses a este museo para crear RDG, unha nova ferramenta para satisfacer as nosas necesidades como pobo; e por iso vimos agora para selar o noso primeiro gran acordo con outro operador”, explicou Bruquetas.

“Nacemos -abundou o conselleiro delegado- para transformar a nosa riqueza natural en riqueza social. Para poñer o noso vento, a nosa auga, o noso sol e a nosa terra ao servizo dunha Galicia verde e competitiva. Si. Pero non só iso. Nacemos tamén, e sobre todo, para que esa posta en valor dos nosos recursos se traduza claramente en beneficio para o territorio e as persoas. Con esta firma de hoxe avanzamos nese camiño”.

Pola súa banda, Núñez García manifestou: “Estamos amplamente satisfeitos á vez que responsabilizados por ser a primeira empresa que se alía con Recursos de Galicia para realizar de xeito conxunto o camiño cara a descarbonización de Galicia, e a súa autosuficiencia enerxética”. “Este acordo -agregou- é ilusionante para Galenergy e fortalece o noso ADN galego e a nosa filosofía de traballo, que sempre foi aproveitar os nosos recursos naturais con respecto ao medio natural e o noso patrimonio histórico, favorecendo o desenvolvemento enerxético da nosa terra. A idiosincrasia galega de sempre das nosas xentes: aproveitar o que a terra nos dá, con sentidiño”.

“Avanzaremos xuntos nesta idea de dotar as nosas pemes, á industria, concellos e á poboación en xeral de proxectos sostibles no tempo que os doten dunha enerxía máis accesible e verde. Esta alianza vén para ser unha parte da solución á inestabilidade enerxética que se vive na actualidade e estamos seguros do éxito do acordo”, concluíu Núñez García.

En paralelo ás que sostén con Galenergy, RDG mantén negociacións avanzadas con outros operadores do mercado, con varios dos cales asinou acordos de confidencialidade. “Estamos abertos a calquera proxecto de calquera promotor, sempre que estean aliñados coa política enerxética, ambiental e industrial de Galicia, e encaixen no noso obxecto social. Temos capacidade para acompañar a todos os proxectos que comparten a nosa visión”, asegurou Bruquetas.

Suxeito a criterios de flexibilidade e oportunidade, o plan estratéxico de RDG inclúe para 2024 pechar a participación en activos renovables cunha potencia instalada lixeiramente superior aos 300 MW. Para 2027 o obxectivo é agrandar entre tres e catro veces esa carteira combinando participacións en minería sostible e en proxectos de eólica terrestre, autoconsumo, hidroeléctrica e produción de biometano. O investimento propio programado nese período de tempo ascende a 250 millóns de euros, que mobilizarán aproximadamente un global de mil.

Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír á descarbonización da economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade, e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.

Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. Cun 30 % do capital, a Xunta de Galicia é o principal accionista e o garante da preservación do interese público dentro das dinámicas de mercado. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do PIB da comunidade.

Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; Ence Terra; ARP Global; Ain Active; Grupo Servicio Móvil; Wind1000; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal.

Sobre Galenergy
Pertencente ao Grupo Breoenergy, Galenergy é unha compañía galega especializada no desenvolvemento, deseño, construción, operación e mantemento de centrais de xeración de todo tipo de enerxías renovables. O traballo con tecnoloxías innovadoras permítelle maximizar o rendemento das instalacións a través do desenvolvemento óptimo das diferentes etapas. O seu obxectivo é lograr o desenvolvemento integral do rural e a súa xente a través da implementación de proxectos respectuosos co medio ambiente. Por iso, ofrece soporte ao crecemento industrial e I+D+i. O compromiso coa súa xente e co medioambiente son o motor do desenvolvemento de proxectos verdes e innovadores.