- Está previsto que as tarefas de difusión da información en Barreiros, Ribadeo e Trabada duren ata finais da semana próxima
- Abrése agora tamén ata o 31 de agosto un período para formular alegacións e subsanar omisións da documentación requirida
Recursos de Galicia comezou esta mañá a comunicar casa a casa e persoalmente as bonificacións aprobadas provisionalmente no recibo da luz para a veciñanza do parque eólico de Mondigo, na Mariña lucense. Está previsto que estas tarefas de difusión da información nos concellos de Barreiros, Ribadeo e Trabada duren ata finais da semana próxima. En paralelo ao inicio destes traballos, RDG abre agora un período para formular alegacións ante potenciais erros e subsanar omisións na presentación da documentación requirida; prolongarase ata o 31 de agosto.
Despois de adquirir este parque, RDG puxo en marcha unha nova política eólica asentada en catro piares: descontos directos na factura eléctrica para a veciñanza; tarifas competitivas e estables para as empresas; incorporación do interese local, abrindo a propiedade dos activos aos concellos e fomentando o diálogo constante con alcaldes e residentes; e garantía de que o 100 % da enerxía producida en Galicia —aquela xestionada por RDG— reverta no territorio.
Así, as persoas que vivan nun radio de ata 1,8 quilómetros do parque gozarán de bonificacións do 80 % do custo da electricidade no recibo da luz. A finais de febreiro, os residentes nesa área de influencia do recinto recibiron unha carta explicativa do mecanismo de acceso aos descontos e, en paralelo, empezou a funcionar unha web (rdgmondigo.gal) para que puidesen tramitar as solicitudes de rebaixa na súa factura.
Entre marzo e maio, ademais, RDG habilitou na zona un servizo de atención presencial para que a veciñanza formalizase as súas peticións de axuda. Recibíronse 471 por tódalas vías, das cales 23 estaban duplicadas. Das 448 válidas, 229 foron aceptadas nunha primeira análise sen condicións e outras 132 están pendentes dalgún trámite para a súa acreditación: faltan facturas dos últimos meses por adxuntar, non se especificou o código universal de punto de subministración (CUPS), as vivendas non poden ser xeolocalizadas… As 87 solicitudes restantes foron denegadas inicialmente por corresponderse con fogares situados fóra da área de influencia do parque ou ben por ter sido tramitadas non por particulares, senón por empresas, que gozarán dos seus propios produtos.
Os solicitantes das bonificacións irán coñecendo o resultado das súas xestións entre hoxe e o 7 de agosto. Ata o 31 dese mesmo mes poderán subsanar omisións de documentación nos seus expedientes e alegar contra as denegacións de rebaixa se o consideran oportuno. Para que quede constancia, deberán facelo por correo electrónico (olamondigo@rdg.gal), se ben Recursos de Galicia porá dúas liñas de apoio ó seu alcance: telefónica (o número 604 012 723, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas) e presencial (esta semana e a que vén, durante a visita de comunicación da resolución das solicitudes de bonificación).
Sempre financiado por RDG Xeración, os usuarios do Mondigo Beneficia terán nas súas facturas un desconto directo do 80 % do importe correspondente ao termo de enerxía dos recibos. Para desfrutar del poderán contratar a subministración con RDG Comercializadora ou ben facer o propio con calquera operador do sector que se adhira a este programa de vantaxes. O primeiro en incorporarse foi Máis Enerxía, en virtude dun convenio de colaboración rubricado con Recursos de Galicia o 16 de xuño.
A vontade de RDG é que outras comercializadoras vaian sumándose tamén ao plan. A previsión é ir ampliando este sistema e similares a outras zonas de Galicia onde a compañía adquira novas centrais de posta en valor de recursos naturais. Para afrontar esas compras precisamente ten en marcha un proceso de ampliación do seu capital social que podería culminar en decembro.
