Lanza un estudo en profundidade sobre os recursos naturais dispoñibles, as infraestruturas existentes, as necesidades loxísticas, a demanda de potencia e o marco regulatorio actual
O informe, que incluirá mapas e reportes detallados do potencial solar e eólico en cada área de interese, proporcionará unha visión integral e precisa sobre como implementar solucións eficientes e cento por cento renovables en puntos estratéxicos da comunidade
Recursos de Galicia (RDG) promove a maior auditoría enerxético-ambiental na historia da comunidade autónoma. Coa colaboración de Portos de Galicia e de Xestión do Solo de Galicia (Xestur), analizará tódolos polígonos industriais e portos galegos co obxectivo de reducir, abaratar e descarbonizar o consumo dos seus usuarios.
RDG concertará nas próximas semanas un estudo en profundidade sobre os recursos naturais dispoñibles nas contornas dos polígonos e os portos galegos, as infraestruturas enerxéticas existentes, as necesidades loxísticas, a demanda de potencia e o marco regulatorio actual. En función da información obtida, propoñerá as mellores solucións de autoconsumo eficiente e verde, incluíndo a posibilidade de transformar frotas de transporte cara a opcións máis sostibles.
O adxudicatario será escollido este ano pola vía negociada, nun proceso de selección que primará a incorporación ao proxecto das universidades de Galicia e o seu tecido empresarial. O traballo estruturarase en diferentes fases.
Os datos recollidos facilitarán a elaboración de mapas e reportes detallados do potencial solar e eólico en cada lugar de interese. Os expertos tamén examinarán a infraestrutura de rede eléctrica, as subestacións e os puntos de interconexión, así como as lagoas do sistema. Ademais, con varios niveis de segmentación, xerarán coñecemento acerca dos tipos de empresas asentadas en cada zona, dos seus patróns de consumo enerxético e dos seus horarios de operación. Capítulo á parte merecerán as frotas de transporte, os seus roteiros e os seus requirimentos, para incorporar, no seu caso, vehículos eléctricos, estacións de carga e estratexias de redución de emisións.
Cos resultados da auditoría, os especialistas propoñerán e orzarán para cada polígono e porto, a nivel de investimento e custos de explotación e mantemento, plans singulares de instalación e operación de sistemas de autoconsumo verde.
“Este estudo proporcionaranos unha visión integral e detallada sobre como implementar solucións enerxeticamente eficientes e cento por cento renovables nuns puntos estratéxicos de Galicia como son os seus polígonos industriais e portos”, valora o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas. “Actuaremos -engade- de varias maneiras: optimizando o uso de recursos dispoñibles, mellorando as infraestruturas enerxéticas, reducindo as emisións asociadas ao transporte… Ademais, identificaremos as posibles barreiras regulatorias e propoñeremos, no seu caso, melloras para facilitar a transición cara a un modelo enerxético máis sostible”.
Bruquetas avanza tamén que “se empregarán ferramentas avanzadas de simulación e optimización, apoiadas por intelixencia artificial, para asegurar a viabilidade e eficiencia das solucións deseñadas”. E conclúe: “Esta liña de traballo, xunto a algunhas que xa anunciamos e outras que estamos a explorar, permitiranos avanzar no cumprimento dos nosos grandes obxectivos estratéxicos”.
Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. Cun 30 % do capital, a Xunta de Galicia é o principal accionista e o garante da preservación do interese público dentro das dinámicas de mercado. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do PIB da comunidade.
Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; Ence Terra; ARP Global; Ain Active; Grupo Servicio Móvil; Wind1000; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal.