RDG alcanza un acordo con Sinia Renovables para adquirir o 100 % do parque eólico promovido por esta en Ribadeo e Trabada

Xullo 8, 2025
  • Está previsto que o complexo empece a xerar enerxía verde regularmente antes de que acabe 2025, cunha produción anual estimada equivalente ao consumo eléctrico de 38.000 fogares
  • Sinia Renovables é a división de fondos de investimento en enerxías renovables e sustentabilidade de Banco Sabadell cuxo obxectivo é dar apoio aos clientes nos seus proxectos durante as fases de desenvolvemento e construción

Recursos de Galicia (RDG) alcanzou un acordo con Sinia Renovables, a división de fondos de investimento en enerxías renovables e sustentabilidade de Banco Sabadell, para adquirir o 100 % do parque eólico promovido por esta en Ribadeo e Trabada, concellos ambos da comarca lucense da Mariña Oriental. A operación, que conta coas aprobacións corporativas oportunas por ambas as partes, está suxeita a cláusulas suspensivas propias deste tipo de transaccións: o recinto só pasará a ser propiedade de RDG cando se certifiquen o final da súa construción, o seu correcto funcionamento e a concorrencia de todos os permisos preceptivos.

A tramitación do parque eólico Mondigo comezou en 2010 e o groso da obra civil acaba de terminar. Consta de 11 muíños que totalizan 49,5 MW de potencia instalada. Está previsto que empece a xerar enerxía de maneira regular antes de que conclúa 2025, cunha produción anual estimada de 131 GWh, equivalentes ao consumo eléctrico duns 38.000 fogares.

O conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, valora: “Esperamos que proximamente podamos levar a termo a operación de compravenda acordada. Isto supoñería avanzar no cumprimento do noso plan estratéxico e situaríanos en condicións de alcanzar obxectivos clave como son, entre outros, combater o cambio climático, prover de electricidade competitiva aos galegos e estabilizar os custos para as nosas empresas ou, en definitiva, favorecer o emprego e a reversión do beneficio no territorio”.

“O mercado -engade Bruquetas- brindounos esta oportunidade; estamos ante unha posibilidade real de dispoñer de enerxía renovable propia nun contexto, o actual, de certa dificultade para iso”.

“Este acordo é unha mostra máis do compromiso que Sinia e o grupo Banco Sabadell teñen co desenvolvemento sostible. Por iso, desde hai máis de 25 anos, Sinia converteuse nunha panca de investimento en enerxías renovables de referencia para os nosos clientes. Somos o seu aliado durante todo o proceso, acompañámoslles para lograr conxuntamente o éxito nas súas iniciativas vinculadas á transición enerxética. Sen dúbida, culminar este acordo con RDG é un exemplo máis da nosa estratexia”, comenta o managing director de Sinia, Xavier Gàsquez.

“Sinia é o vehículo de investimento en transición enerxética de Banco Sabadell -destaca Gàsquez- cuxo obxectivo é dar apoio a proxectos e plans de negocio dos seus clientes con solucións de capital e débeda alternativa”.

Sobre Recursos de Galicia

Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí a súa lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.

RDG é unha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.

Este accionariado privado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.