“Estamos ou non estamos nunha crise climática? Se temos esa emerxencia climática, temos que tomar medidas para abordala. Para que siga habendo vida no mar tamén hai que instalar eólica no mar, porque, se non, acabaremos cunha temperatura da auga maior que a que permite a vida das especies que se pescan nese mar. Para garantir que o mar non se quenta, que as especies seguen vivindo, temos que instalar eólica aí e desprazar os combustibles fósiles que consumimos. Sempre, claro, con todo o respecto ao medio ambiente e ás comunidades locais. E nós vimos aquí precisamente para que iso se garanta”. Esta reflexión forma parte da conversa co noso conselleiro delegado que hoxe publica Yuri Carrazoni en Nós Diario.
Nesa entrevista, Emilio Bruquetas expón a nosa visión da eólica mariña, que pasa por situar os parques lonxe da costa e pola busca de consensos. “Se RDG participa neses proxectos -explica- terá unha parte do seu accionariado aberta que se ofrecerá ás confrarías de pescadores e comunidades locais para que poidan participar directamente, pero hai tamén outras fórmulas ensaiadas noutras partes do mundo para facer que convivan as dúas actividades”.
Ademais, Bruquetas repasa a actual dependencia enerxética galega do exterior e de fontes fósiles, e argumenta: “Creo que estamos nun momento histórico onde Galicia ten unha oportunidade enorme para obter da utilización dos seus recursos naturais vantaxes competitivas e mellorar así a calidade de vida dos galegos. RDG é unha ferramenta para empoderar os galegos, para que poidamos ser donos dos nosos recursos”. “Creo que a fórmula público-privada de RDG ten as vantaxes do público e do privado. O público, neste caso a Xunta, o que fai é garantir que o interese público estea no centro das nosas decisións, e a parte privada aporta outras cousas como un coñecemento das dinámicas industriais e un maior dinamismo. É unha fórmula moi utilizada en proxectos estratéxicos en Europa, unha fórmula de éxito cando se fai ben”, engade.
Podes ler a entrevista enteira nesta ligazón: https://bit.ly/3xGVWi9