Os clústeres galegos coñecen o proceso de ampliación de capital de Recursos de Galicia

Xullo 22, 2026

Os clústeres galegos coñecen o proceso de ampliación de capital de Recursos de Galicia que anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta semana. Emilio Bruquetas, conselleiro delegado de RDG, participou nunha xuntanza coas asociacións empresariais, xunto coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. O encontro ten como obxectivo que o tecido produtivo galego coñeza de primeira man este proceso, as condicións e o calendario de traballo.

Esta operación pretende ampliar a base social e a capacidade investidora de Recursos de Galicia, co obxecto de cada vez máis galegos se beneficien directamente da posta en valor sostible dos nosos recursos naturais.

“Agradecemos o interese demostrado polo tecido produtivo nesta oportunidade”, indicou Bruquetas. Ademais, gabou o compromiso dos socios con RDG.

O socio institucional da compañía, a Xunta de Galicia, xa anunciou este luns que participará nesta ampliación achegando as súas participacións en sociedades enerxéticas con activos ubicados integramente na comunidade autónoma, o seu 30,92 % de Nedgia Galicia e entre o 3 % e o 4 % que o Inega posúe en seis parques eólicos (cunha potencia instalada de 186 MW).

A ampliación de capital de Recursos de Galicia permitirá que a sociedade estenda as súas políticas de reversión dos beneficios no territorio. Dende a súa constitución a compañía materializou os seus primeiros investimentos: a adquisición do 100 % do parque eólico de Mondigo, a primeira gran operación da sociedade, que permitiu a posta en marcha do programa Mondigo Beneficia, de descontos na factura eléctrica para a veciñanza do entorno da instalación; e a entrada, en xullo de 2025, cun 10 % no capital de Recursos Minerales de Galicia, promotora da mina de Doade (Ourense), proxecto declarado estratéxico pola Comisión Europea.

Calendario
Segundo o calendario previsto, durante as vindeiras semanas presentaráselle a citada operación ao tecido empresarial galego, en xuntanzas lideradas pola Consellería de Economía e Industria. Durante os meses de outubro-novembro está previsto recibir un informe independente que valore a achega en especie da Xunta de Galicia. Trabállase coa intención de que a aprobación definitiva da ampliación se realice na xunta xeral de RDG do mes de decembro.

Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: «Os nosos recursos, ao noso servizo».

Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición fortalece a empresa, ao tempo que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.

Este accionariado está composto por Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra SPV de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra SPV de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha SPV de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.