• Post Image

Obxectivo: primeiro trimestre de 2025

Outubro 7, 2024

Primeiro trimestre de 2025. Esa é a data marcada en vermello no calendario de constitución da futura comercializadora de Recursos de Galicia. Antes de que remate marzo do ano próximo, a compañía debería estar xa operativa. “A partir de aí, dunha maneira escalonada, a medida que vaiamos tendo a disposición maiores volumes de enerxía, irá traballando máis e máis”, explica o conselleiro delegado de RDG.

Emilio Bruquetas realizou esas declaracións durante unha entrevista con Alberto Varela emitida este domingo pola Radio Galega. Aí reiterou os principais obxectivos desta iniciativa: abaratar e descarbonizar o recibo da luz reducindo nun 50 % sobre o prezo medio de mercado o custe da enerxía nas contornas das instalacións de xeración eléctrica verde nas que participe a empresa e poñendo a disposición de pemes, micropemes e autónomos tarifas que hoxe só están ao alcance dos grandes consumidores enerxéticos.

Ademais, Bruquetas sinalou a singularidade de RDG e puxo en valor as potencialidades de Galicia para desenvolver enerxías limpas con almacenamentos por bombeo hidráulico, instalacións de undimotriz ou parques offshore que redunden na competitividade da nosa economía. Avogou tamén por practicar a minaría sostible, a “que nace xa restaurando, tendo en conta como vai quedar despois da actividade [extractiva]”.

Podes escoitar a entrevista completa aquí: