O bloqueo da eólica, lesivo para o peto dos galegos e para o medio ambiente

Xuño 2, 2025

“Creo que ninguén dubida que necesitamos unha Galicia máis verde e competitiva, e non a teremos nunca, de ningunha maneira, sen máis enerxía renovable. […] Estamos a traballar arreo para que esa enerxía estea a dispor dos galegos porque cada día que pasa [sen instalar novas renovables] é un día máis que afecta ao peto dos galegos e ao medio ambiente”, explicou o noso conselleiro delegado, Emilio Bruquetas, nunha entrevista con Xosé Valiñas esta fin de semana na Radio Galega. Expresouse así en resposta a unha pregunta sobre o bloqueo nos tribunais que lastra o desenvolvemento da eólica, con máis de 70 proxectos paralizados.

Na conversa, Bruquetas salientou tamén o potencial de Galicia para acoller esas “baterías naturais xigantes” que son as centrais hidroeléctricas reversibles. “Poden xogar -argumentou- un papel clave” evitando apagamentos como o do 28 de abril. Ademais, avogou por conciliar “todos os intereses e sensibilidades” para impulsar a eólica mariña.

Asimesmo, expuxo en que consistirá a maior auditoría enerxético-ambiental na historia de Galicia, que RDG levará a cabo no próximo ano. “Estudaremos os recursos renovables dispoñíbeis, as infraestruturas enerxéticas existentes, os patróns de demanda e de consumo, e a loxística. […] Con toda esa información, apoiados en ferramentas de IA, deseñaremos as mellores solucións” para reducir, abaratar, descarbonizar e asegurar os consumos enerxéticos nos portos e parques industriais.

Podes escoitar a entrevista aquí: