Moitos lemos con atención o informe de Mario Draghi para o impulso da economía europea a través da innovación, a descarbonización e a competitividade. Como galego que son, sinto orgullo ao proclamar que —esta vez si— contamos na nosa terra coas condicións óptimas para poñer en marcha moitas das medidas que Europa pretende impulsar para a súa modernización, crecemento e protección fronte ás novas ameazas.
Coma Draghi, eu tamén creo en vencer as nosas dependencias do exterior, creo en impulsar a cooperación público-privada, creo nunha posta en valor xusta e sostible dos recursos autóctonos, creo en democratizar e multiplicar os contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA), creo en acelerar o despregamento das renovables, creo en abaratar a enerxía, creo en desacoplar os prezos da electricidade da cotización dos fósiles, creo en combater o cambio climático. Creo en todo iso e, ademais, penso que xuntos podémolo facer. E temos a obriga de facelo.
Recursos de Galicia (RDG) bebe dese manancial de ideas. A empresa que me honro en dirixir ten a responsabilidade de representar a todos os galegos, porque o noso primeiro accionista e garante do interese público é a Xunta, e particularmente as empresas privadas que nestes momentos completan o noso capital: 32 compañías que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan unha sétima parte do PIB da comunidade.
RDG é, ademais, froito dun longo proceso de escoita cidadá. Os galegos querían que fixésemos as cousas doutra maneira, querían que fósemos quen de converter a nosa riqueza natural en riqueza social. O noso lema dío todo: «Os nosos recursos, ao noso servizo». E para iso viñemos, a construír xuntos e con audacia un futuro mellor. Coñecemos o mercado e as súas regras.
Nese contexto interpreto os novos marcos e desenvolvementos normativos que o Goberno galego anunciou para, dentro da seguridade xurídica, avanzar cara a un escenario de apoio ás pemes a ás persoas. Nomeadamente dúas medidas: a substitución dos parques eólicos antigos por muíños modernos, con menos impacto e máis rendemento; e a reserva para o tecido produtivo galego dunha porcentaxe da enerxía que os novos eólicos produzan cos nosos recursos. Estou convencido de que os promotores —RDG tamén o será— e a Administración atoparán vías de entendemento para chegar a metas que comparten: vangarda tecnolóxica, enerxía limpa, prezos competitivos, autonomía, cidadanía.
Este artigo foi publicado orixinalmente en La Voz de Galicia o 9 de novembro de 2024.