• Post Image

“É xusto que os veciños dos parques eólicos se beneficien desa convivencia”

Outubro 4, 2024

“É xusto que os veciños dos parques eólicos se beneficien desa convivencia”, defende o conselleiro delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas. Por iso a futura comercializadora de RDG proxecta ofrecer descontos do 50 % sobre o prezo medio de mercado da enerxía a quen resida nas contornas das infraestruturas de xeración de electricidade verde nas que a compañía participe. Igualmente, a empresa estenderá a pemes e autónomos as tarifas prémium no recibo da luz hoxe soamente ao alcance dos grandes consumidores.

Bruquetas exprésase deste xeito nunha entrevista con Beatriz Couce que La Voz de Galicia publica este venres. Nesa conversación, ademais, explica que distinguirá á de RDG das moitas comercializadoras que xa existen: aúna o mellor das iniciativas pública e privada; non só venderá enerxía, senón que producirá a súa propia; constitúe unha peza no marco dunha estratexia global; nacerá coa vocación de poñer os recursos naturais de Galicia ao servizo dos galegos… “Se facendo as cousas que facemos conseguimos que outros as fagan tamén, estaremos a cumprir a nosa misión”, engade.

Así mesmo, Bruquetas agradece a acollida tan positiva que a sociedade civil está a brindar a RDG e avoga por desbloquear canto antes o despregamento das renovables en Galicia para abaratar e descarbonizar os consumos enerxéticos. Podes ler a entrevista completa nesta ligazón: https://acortar.link/2hJLTC.