A comercializadora Máis Enerxía incorpórase ao programa de RDG para abaratar o recibo da luz

Xullo 24, 2026
  • Para acceder ó desconto do 80 % dos custos eléctricos da factura, os usuarios do plan Mondigo Beneficia poderán escoller alomenos entre ser clientes desta subministradora ou da de Recursos de Galicia
  • O convenio de colaboración subscrito entre ambas as empresas está aberto á incorporación doutros operadores do mercado
  • RDG comunicará nas próximas semanas, casa a casa e personalmente, a resolución das solicitudes de bonificacións admitidas na Mariña

A comercializadora Máis Enerxía incorpórase á folla de ruta de Recursos de Galicia para abaratar o recibo da luz na comunidade autónoma. Grazas a un acordo entre ambas as partes, os usuarios do programa Mondigo Beneficia terán garantida a liberdade de elección: para gozar dos seus descontos na factura poderán escoller, como mínimo, entre ser clientes da referida subministradora ou de RDG Comercializadora. O convenio, firmado o 16 de xuño, está aberto á incorporación doutros operadores do mercado.

Despois de adquirir o parque de Mondigo, nos concellos lucenses de Barreiros, Ribadeo e Trabada, Recursos de Galicia puxo en marcha unha nova política eólica asentada en catro piares: descontos directos na factura eléctrica para a veciñanza; tarifas competitivas e estables para as empresas; incorporación do interese local, abrindo a propiedade dos activos aos concellos e fomentando o diálogo constante con alcaldes e residentes; e garantía de que o 100 % da enerxía producida en Galicia —aquela xestionada por RDG— reverta no territorio.

Así, as persoas que vivan nun radio de ata 1,8 quilómetros do parque gozarán de bonificacións do 80 % do custo da electricidade no recibo da luz. A finais de febreiro, os residentes nesa área de influencia do recinto recibiron unha carta explicativa do mecanismo de acceso aos descontos e, en paralelo, comezou a funcionar unha web (rdgmondigo.gal) para que puidesen tramitar as solicitudes de rebaixa na súa factura.

Entre marzo e maio, ademais, RDG habilitou tamén en Ribadeo, Barreiros e Trabada un servizo de atención presencial para que a veciñanza puidese formalizar as súas peticións de axuda. Nas próximas semanas, casa a casa e de novo personalmente, Rercursos de Galicia comunicará, das 471 recibidas, que solicitudes foron admitidas, cales rexeitadas e cales precisan de subsanación. En todo caso, as bonificacións aprobadas acumúlanse desde o mesmo momento da súa tramitación.

Sempre financiado por RDG Xeración, os usuarios do Mondigo Beneficia terán nas súas facturas un desconto directo do 80 % do importe correspondente ao termo de enerxía dos recibos. Para gozar del poderán contratar a subministración con RDG Comercializadora ou ben facer o propio con calquera operador do sector que se adhira a este programa de vantaxes. E o primeiro en incorporarse foi Máis Enerxía, en virtude dun convenio de colaboración rubricado con Recursos de Galicia.

A vontade de RDG é que outras comercializadoras vaian sumándose tamén ao plan. A previsión é ir ampliando este sistema e similares a outras zonas de Galicia onde a compañía adquira novas centrais de posta en valor de recursos naturais. Para afrontar esas compras precisamente ten en marcha un proceso de ampliación do seu capital social que podería culminar en decembro.