- A aplicación informática rdgdatos.gal, a través da que se recolle a información, xa está operativa
- O conselleiro delegado de Recursos de Galicia visita as instalacións de Inasus, no polígono industrial Lalín 2000
A auditoría enerxética posta en marcha por Recursos de Galicia (RDG), en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, e a do Mar, avanza chegando ao momento crucial da recollida de datos das empresas. Os eixes deste traballo son a combinación da innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a participación activa do tecido empresarial. Este proxecto de descarbonización dos parques industrias e portos galegos é unha iniciativa estratéxica que busca colaborar co tecido industrial galego cara a un modelo enerxético sostible, competitivo e descarbonizado.
Esta mañá, o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, acompañou á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ao polígono industrial Lalín 2000 para visitar as instalacións de Inasus, onde foron recibidos pola súa presidenta, Olalla Cuiña, e polo conselleiro delegado, Alberto Cuiña. Inasus, fundada en 1970 en Lalín como unha pequena carpintería de aluminio, evolucionou ata converterse nun referente no deseño, na fabricación e instalación de fachadas e envolventes arquitectónicas, cunha traxectoria consolidada de innovación e presenza internacional.
A auditoría pretende estudar os datos enerxéticos de 315 instalacións en Galicia, concretamente 193 parques empresarias e 122 portos. Calquera empresa galega ubicada nalgunha destas instalacións pode sumarse.
Para a recollida de datos de consumo realizouse unha aplicación informática con acceso multiplataforma, dispoñible en iOS, Android e navegadores web no enderezo rdgdatos.gal. No deseño da ferramenta priorizouse que teña unha interface intuitiva e que facilite un proceso de recollida rápido e sempre garantindo a seguridade.
Todo isto integrarase a través dunha plataforma dixital utilizando ferramentas de vangarda con modelos preditivos de consumo, almacenamento e rendibilidade. Nas últimas semanas estanse realizando accións de difusión desta iniciativa con contactos coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), así coma con clústeres de sectores relevantes coma o da maderia, o textil, a o da construción, o de loxística, ou o de alimentación, coa intención de chegar ao maior número de empresas.
As firmas que faciliten os seus datos para a análise recibirán un informe enerxético personalizado con propostas de mellora da eficiencia enerxética e autoconsumo con estimación de aforros e comparativa sectorial. Tamén se están a distribuír 10.000 flyers informativos do proxecto nos polígonos e portos galegos, cun enlace de descarga da app rdgdatos.gal para facilitar a súa participación.
O conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, explicou durante a visita a Inasus que “RDG traballa en Galicia, estudando Galicia e para Galicia, e esta auditoría quere ser unha ferramenta para ofrecer solucións de descarbonización ás empresas da nosa comunidade”. “Estudaremos os recursos renovables que hai nos polígonos e portos, analizando as infraestruturas enerxéticas destes espazos, analizando o consumo, e con eso e ferramentas de intelixencia artificial buscaremos proxectos de descarbonización adaptados a cada polígono”, indicou.
A auditoría impulsada por RDG ten como obxectivo principal a redución dos custos enerxéticos e a descarbonización das actividades industriais e portuarias, buscando ser unha ferramenta útil para o empresariado galego á vez que colabora activamente no avance cara a unha Galicia máis verde. Todas as accións estarán orientadas a propoñer solucións de autoconsumo renovable, a implantación de sistemas de almacenamento enerxético, melloras na eficiencia dos procesos industriais e a optimización da mobilidade, contribuíndo a reforzar a competitividade empresarial e a acadar os obxectivos europeos de sostibilidade.
Este traballo é a continuidade natural do protocolo de colaboración que a Consellería de Economía e Industria, a Consellería do Mar e RDG asinaron o 19 de setembro de 2024 en Cambados (Pontevedra) para “o desenvolvemento de actuacións que permitan reducir os custos enerxéticos das empresas implantadas nos polígonos industriais e nos portos da comunidade […] co fin de fomentar que o aproveitamento das enerxías renovables e o fomento da eficiencia enerxética permita gañar competitividade ás empresas”.
Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.
Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.
Sobre Ghenova
Grupo Ghenova é un grupo empresarial español especializado en servizos de enxeñaría multidisciplinar, con presenza tanto a nivel nacional como internacional. Conta con delegacións en Galicia, concretamente en Ferrol e en Vigo.
De feito, na comunidade participa en proxectos en sectores como o naval e o enerxético, amosando un amplo coñecemento do sector. Conta con experiencia contrastada en auditorías enerxéticas e en proxectos de eficiencia, polo que presenta garantías para o desenvolvemento do estudo contratado por RDG.
