O conselleiro delegado de Recursos de Galicia visita no porto de Ribadeo as instalacións de Grupo Nogar
Os datos das empresas ubicadas nos polígonos e portos estanse recopilando a través da aplicación informática rdgdatos.gal
Os participantes na iniciativa recibirán un informe de aforro dunha maneira rápida, sinxela e gratuita
A auditoría enerxética posta en marcha por Recursos de Galicia (RDG), en colaboración coa Consellería do Mar e a de Economía e Industria, permitirá tamén aportar solucións ao sector loxístico. A través desta análise nos polígonos e portos galegos obterase unha radiografía da situación enerxética destes espazos estratéxicos a nivel industrial co obxectivo final de contribuír á súa descarbonización.
Esta mañá, o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, acompañou á conselleira do Mar, Marta Villaverde, ao porto de Ribadeo para coñecer as instalacións do Grupo Nogar, onde foron recibidos por Roque González Nogueira, responsable da empresa. Grupo Nogar é un grupo loxístico-portuariao referente en Galicia, con presencia na maioría dos portos galegos. A súa actividade céntrase na loxística marítima e no almacenamento de graneis e materias primas.
A auditoría de Recursos de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia, pretende analizar os datos enerxéticos de 315 instalacións en Galicia, concretamente 122 portos e 193 parques empresarias. O único requisito para que unha empresa poida participar é que se atope nestas ubicacións.
En cada un dos ámbitos de estudo as tipoloxías dos consumos das empresas teñen características específicas. Nos portos detéctase un peso diferencial da parte de loxística. Deste xeito, as actividades portuarias determinan que a análise se centre en elementos característicos como grandes grúas ou palas cargadoras.
O conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, explicou durante a visita ao Grupo Nogar en Ribadeo que “a auditoría quere ser unha ferramenta útil para as empresas galegas, un instrumento que lles permita coñecer cales son as mellores solucións de descarbonización”. “Os portos son espazos nos que a loxística ten un peso fundamental e a participación das empresas que operan neles, como é o caso do Grupo Nogar, é fundamental para que a auditoría enerxética sexa máis completa e transversal” indicou.
Bruquetas engadiu que a auditoría permitirá “dixitalizar e analizar os datos recollidos para buscar solucións de descarbonización, colaborando coas empresas no proceso de transición enerxética e así incrementar a súa competitividade empresarial”.
Recollida de datos
Dentro do proxecto, adxudicado a Ghenova Ingeniería Group, deseñouse unha aplicación informática con acceso multiplataforma para a a recollida de datos, dispoñible en iOS, Android e navegadores web no enderezo rdgdatos.gal. No desenvolvemento desta ferramenta priorizouse que teña unha interface intuitiva e que facilite un proceso de recollida rápido e sempre garantindo a seguridade.
Todo isto integrarase a través dunha plataforma dixital utilizando ferramentas de vangarda con modelos preditivos de consumo, almacenamento e rendibilidade. As firmas que faciliten os seus datos para a análise recibirán un informe enerxético personalizado con propostas de mellora da eficiencia enerxética e autoconsumo con estimación de aforros e comparativa sectorial. Todo dunha maneira rápida, sinxela e gratuita.
A auditoría impulsada por RDG ten como obxectivo principal a redución dos custos enerxéticos e a descarbonización das actividades portuarias e industrias. A finalidade é ter información para propoñer solucións de autoconsumo renovable, a implantación de sistemas de almacenamento enerxético, melloras na eficiencia dos procesos industriais e a optimización da mobilidade, contribuíndo a reforzar a competitividade empresarial e a acadar os obxectivos europeos de sostibilidade.
Recursos de Galicia asinou un protocolo de colaboración coa Consellería do Mar e a de Economia e Industria para a posta en marcha desta auditoría coa intención de desenvolver “actuacións que permitan reducir os custos enerxéticos das empresas implantadas nos polígonos industriais e nos portos da comunidade […] co fin de fomentar que o aproveitamento das enerxías renovables e o fomento da eficiencia enerxética permita gañar competitividade ás empresas”.
Sobre Recursos de Galicia
Recursos de Galicia é unha sociedade pioneira en España que foi creada para contribuír a descarbonizar a economía, favorecer a autonomía enerxética de Galicia, impulsar uns prezos competitivos da enerxía, estimular o trinomio enerxía-industria-sociedade e garantir a máxima repercusión positiva de todo iso no territorio e nas persoas. En definitiva, persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equitativo e redunde no progreso de Galicia e do seu tecido económico. De aí o seu lema: “Os nosos recursos, ao noso servizo”.
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista. A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto da comunidade.
Este accionariado compóñeno Abanca; Martabela, unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; Invernatur, outra spv de Copasa, Valtalia e Gesuga; Cabicastro, outra spv de Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira, Lucasiñas e Grupo Revi; Gadisa; Exlabesa; ARP Global; Ain Active; Wind1000; Ence Terra; Iniciativa Patrimonio Natural de Galicia, unha spv de Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas Eurozona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal; Grupo Servicio Móvil; Cerámica Campo; Aceites Abril; e Megaro Foods.
